Nota «íntegra» do claustro de profesores
A raiz de todas as declaracións referentes a Escola Municipal de Música o Claustro de profesores quere manifestar:
Que a Escola de Música Bernardo del Río de Vilagarcía é un centro educativo curiosamente ubicado nun antigo acuartelamento (parafraseando a Emilia Pardo Bazán: “abride escolas e pecharedes os cárceres”). Pois ben, dende que a Escola de Música existe, non fixo outra cousa que fomentar a educación musical da cidadanía vilagarciá traspasando os barrotes do cuartel coa forza das nosas melodías.
Nesta nosa Escola traballan na actualidade mestres e mestras que posúen titulacións superiores en piano, frauta, saxofón, corda, guitarra, trompeta e, proximamente, teremos unha doutora especializada en música do século XX para piano. Este fantástico equipo de mestres e mestras é quen de impartir docencia a máis de catrocentos alumnos e alumnas na actualidade, ofrecendo os coñecementos adquiridos ao longo de moitos anos de carreira musical (actualmente o Grao Superior en Música consta de 14 anos de estudo) e os achegados pola experiencia acadada en Orquestras Sinfónicas , Grupos de Cámara e numerosos Proxectos Didácticos. Cómpre nomear aquí a experiencia destes profesionais entre os cales se atopan antigos membros da Orquestra Sinfónica de Galicia ou da XOGA (Xove Orquestra de Galicia), integrantes de formacións de cámara permanentes, colaboradores da TVG, fundadores de grupos clásicos ou de jazz, futuros programadores informáticos, … e isto tan só é un exemplo da súa extensa experiencia no eido da música clásica, moderna e do jazz.
Ademais desta labor como intérpretes destácanse os premios acadados por varios mestres do centro dentro da composición de música de cine (actualmente traballan en proxectos musicais coa TVG) ou os premios ben merecidos dunha gran formación vilagarciá (Banda de Música de Vilagarcía) dirixida por un compoñente do noso claustro.
Ademais disto, son numerosos os proxectos que día tras día se van forxando nas súas aulas, dende os Concertos Temáticos que son referentes para outras Escolas de Música (Conto Musical Alicia en el Mar con colaboradores de Gran Canaria, Conto de Nadal, Festival de Música e Movemento, Concerto de Agrupacións, Concertos de Solistas…) ata a recente experiencia didáctico musical baseada no conto infantil O Gato con Botas que levou a nosa música por todos os colexios da nosa cidade (e que se converterá nun musical no que estamos traballando moi duro), pasando polo 2º premio a nivel nacional outorgado pola Dirección Xeral de Tráfico do que fomos artífices xunto coa EEI Vagalume polo espectáculo interdisciplinar (seguridade viaria, dramatización e educación musical) “Vagalú vai ao cole”. Recordar aquí tamén o “Verán Musical” levado a cabo nas rúas e prazas de Vilagarcía animando os días de estivais da nosa cidade e que fai as delicias dos turistas que se achegan a Vilagarcía.
Tamén é de destacar a formación dunha Banda Infantil e unha Banda Xuvenil con máis de 100 compoñentes ou os Grupos de Cámara, Grupos Modernos e Grupos Folque nacidos no seo da nosa Escola e que levan ao noso alumnado aos festivais, concertos ou ocasións nas que son requiridos.
Por todo isto, queremos manifestar que non nos merecemos o trato que se nos está a dar e tampouco de ser denominados “cordeiros que van ao matadeiro…” xa que somos persoas que de sobra nos gañamos a nosa credibilidade e profesionalidade o que nos leva a sentir un profundo respecto polos nosos alumnos e alumnas e polo traballo que diariamente desempeñamos con eles. Non pedimos premios pero consideramos que tampouco merecemos estes castigos, xa que para nós o maior premio é acompañar e guiar ás persoas que acoden ás nosas clases alegrándonos cada vez que conseguen novos retos cos seus instrumentos logrando pouco a pouco gozar e disfrutar da música tanto como o facemos nós. O premio está no sorriso dun neno que nos ve pola rúa e nos dí: “Hola Profe…”, ese é o maior dos regalos.