Musicanacasa dende a Escola Municipal
A Escola Municipal Bernardo del Río continúa impartindo clases ao seu alumnado durante o confinamento. Dadas as restricións impostas coa declaración do estado de alarma, o equipo directivo e o profesorado do centro están a desenvolver diversas actividades para non perder o contacto cos seus alumnos e facerlles máis levadeira a corentena. As novas tecnoloxías e Internet son fundamentais nesta nova etapa do ensino musical.
Utilizando os recursos dispoñibles en cada caso, como poden ser Skype, WhatsApp, Youtube ou o correo electrónico, a escola desenvolve clases de apoio e reforzo para as diversas especialidades que se imparten no centro. Coas agrupacións e os máis cativos resulta máis complexo, dadas as características das materias a tratar, adaptadas sempre á súa idade. Neste caso, a solución pasa por compartir vídeos con cancións e contos musicais a través do Facebook e a propia web da escola, mediante os que os educandos poden ir afianzando os seus coñecementos.
En xeral, dende o primeiro momento a experiencia está a ser moi satisfactoria tanto para os alumnos como para os profesores, que ven como os seus pupilos seguen motivados e non perden o hábito de estudo. Semanalmente organízanse reunións telemáticas, coa participación de todo o profesorado, para facer un seguimento da evolución do alumnado e aportar novas ideas para aplicar nas clases. A dirección do centro recoñece que esta situación extraordinaria que se vive a nivel global os colleu por sorpresa. Malia isto, puxéronse en seguida a traballar para reorientar a actividade docente e adaptala ás novas circunstancias na medida do posible ata que se poida regresar á normalidade.