Programa «Clasclás a pé de rúa» 2023
#VGA_Educación A VI edición do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa, clasclás foi presentada esta mañá polo alcalde, Alberto Varela, e a directora técnica do festival, Rosina Sobrido, acto ao que tamén asistiron o concelleiro de Educación, Miro Serén, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, o director da Escola Municipal de Música Bernardo del Río, Alberto Estévez, e José Luis Sanz, presidente da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía.
Este ano poderemos gozar cos concertos do Guarneri Trio Prague, o Cuarteto Quiroga, La Ritirata, Marek Kozák e Cello Republic, no Auditorio Municipal, de balde e co Azahar Ensemble, polo prezo de 23€, no Pazo da Golpelleira.
Ademais o clasclás inclúe un programa de masterclasses dos artistas ao alumnado do Conservatorio de Vilagarcía e de outros centros galegos, e desfrutaremos un ano máis do «clasclás a pé de rúa», da man do alumnado do Conservatorio e da Escola de Música da nosa cidade.
O Programa Social e Comunitario, xa tradicional no festival, achegará a música clásica a 400 persoas con capacidades diferentes de asociacións procedentes da comarca a través dun concerto da Orquestra do Conservatorio de Vilagarcía.
Do 26 de xuño ao 1 de xullo.