Parabens á Escola de Música «Coda»
Existen momentos nos que un se para e dáse conta de onde vive e con quen vive. Isto é o que me ocorreu onte pola tarde (Domingo 27 ás 18:00) no Auditorio de Vilagarcía mentres desfrutaba co musical O Rei León interpretado magnificamente pola Escola de Música “Coda” que dirixen dúas rapazas “normales”: Chus e Olalla.
Rectifico: Chus e Olalla non son “normales”, son unhas auténticas traballadoras e grandísimas profesionais e iso nótase en todo o que levan a cabo. Tan só preguntarme: cantas horas lle dedicastes? Danme calafríos só de pensalo pero mereceu sobradamente a pena. O espectáculo foi mimado e traballado ata o último detalle: dende o cheiro a incenso ao entrar na sala, pasando polos estupendos solistas, os coidados coros, unha escenografía fantástica, un atrezzo inmellorable… Quero recordar tamén aos actores, ao corpo de baile, aos técnicos e por suposto aos músicos. Gustaríame darvos as grazas polo estupendo rato que nos fixestes pasar á miña familia, a min e a todo o público que onte encheu ata os topes o Auditorio.
Como director da Escola Municipal de Música de Vilagarcía e director da Banda de Música de Vilagarcía reitero as grazas e gustaríame que teñades presente que aquí tedes un seguidor da vosa laboura nesta difícil profesión que é a música. Por todo isto: MOITAS GRAZAS!!!!!