Creación dun coro de adultos
?A Escola de Música promove a creación dun coro de adultos entre os familiares dos seus alumnos.
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río promove a creación dun coro de adultos que estaría composto por pais, nais e familiares dos alumnos do centro. A idea xurdiu ó remate do pasado curso, trala participación da agrupación infantil da escola nun encontro de corais en Moraña- O obxectivo da nova iniciativa promova pola dirección da escola é facer partícipes as pais, nais e familiares adultos nas actividades do centro e tamén na vida musical dos seus fillos.
Os familiares de alumnos, e mesmo alumnos adultos do propio centro, que desexen formar parte deste coro deberán inscribirse nas dependencias da Escola de Música entre os días 26 e 30 de setembro. Para poñer en marcha a formación será preciso contar cun grupo mínimo de quince persoas.
Segundo explicou o director da Escola de Música, Jesús Nogueira, o coro de adultos nace coa vocación de achegar aos pais, por medio da música, á vida do centro e á vida musical dos seus fillos, dándolles ferramentas tanxibles para ofrecer o apoio e a axuda que os pequenos necesitan na súa aprendizaxe musical . E isto sen esquecer a finalidade última da música en xeral, que é a de pasalo ben a través da actividade grupal do coro.
A nova formación traballará tanto aspectos musicais propiamente ditos (entoación a través do oído, ritmo mediante o movemento e musicalidade a través da técnica vocal) como os técnicos ( linguaxe musical, respiración, fiato, tesitura, dicción, rexistros-cores). Ademais, abordaranse outras cuestións como a diferencia entre cantar solo e cantar en coro, e a distinción entre oído interno e externo; aparte de traballar aspectos relacionais que inflúen na harmonía do ensemble vocal.
No repertorio a preparar incluiranse obras coñecidas de variados estilos e épocas, polo que terán cabida dende temas de música tradicional europea e pezas populares das culturas africana e sudamericana, á cancións pop pasando pola música coral contemporánea.