Obradoiros e Orquestra de Guitarras
A Escola de Música pon en marcha unha Orquestra de Guitarras e obradoiros de Improvisación e Harmonía Moderna.??Trátase de actividades independentes ao plan de estudos e a participación está a aberta a persoas alleas ao centro Bernardo del Río.
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río pon en marcha unha nova iniciativa tendente a complementar a formación musical que ofrece o centro dentro do seu plan de estudos a través da organización de diversos obradoiros temáticos. Estes talleres están destinados tanto ao propio alumnado da Escola como a persoas alleas ao centro que teñan interese na materia, dispoñan de coñecementos ou toquen algún instrumento.
A partir deste mes comezan a funcionar os obradoiros de Análise e Improvisación, Harmonía Moderna e comeza a súa andaina a nova Orquestra de Guitarras.
Os alumnos e demais persoas interesadas en participar nestes obradoiros deben formalizar a súa matrícula nas oficinas da Escola de Música, onde tamén se lles facilitará toda a información que desexen. O número de prazas limítase a 10 en cada un dos obradoiros, polo que cubriranse por orde de inscrición. A Orquestra de Guitarras terá un número de compoñentes mínimo de 6 membros e máximo de 16.
A asistencia aos obradoiros será totalmente gratuíta tanto para os alumnos da Escola de Música como os do Conservatorio Profesional de Vilagarcía. As persoas alleas a estes centros deberán abonar unha matrícula de 19,55 euros e 15,45 euros por trimestre.
Taller de Análise e Improvisación: Impartido polo mestre Alberto Estévez, con este taller preténdese iniciar ó alumnado no linguaxe moderno e a música improvisada, facéndolles chegar os conceptos teórico-prácticos elementais que lles permitan unha mellor comprensión e realización dos estilos máis populares da música moderna.
Entre os obxectivos a traballar están o desenvolvemento da creatividade mediante a improvisación, recoñecer a importancia histórica do jazz e da música improvisada, valorar as achegas e influencias mutuas coas música do século XX, así como ler e improvisar a primeira vista cun nivel que permita a montaxe e interpretación fluída das pezas. Poderá anotarse o alumnado da escola, así como calquera outra persoa allea ó centro Bernardo del Río, de calquera especialidade instrumental e que teña un nivel básico ou de iniciación, tanto de instrumento coma de linguaxe musical. O taller realizarase todos os mércores de 20:30 a 21:30 na aula de Combo Moderno da Escola de Música Municipal.
Obradoiro de Harmonía Moderna: A música moderna é moitas veces esquecida ou a penas abordada nas ensinanzas que se imparten nos centros oficiais de ensino musical. Nas escolas de música, ademais dunha formación clásica (teórica e instrumental) tamén se potencia a importancia da música moderna como parte de historia da música. Por este motivo, o centro Bernardo del Río oferta un Obradoiro de Harmonía Moderna , impartido polo mestre Javier España, onde se pretende crear unha base teórica o máis completa posible cos coñecementos básicos sobre os que se sustenta a música moderna (jazz, blues, rock…).
Como obxectivos a conseguir neste obradoiro atópanse o coñecemento dos fundamentos teóricos da harmonía moderna, fundamentos para arranxos… todo isto coñecendo a importancia dos intervalos, escalas, modos, acordes e cifrados. Poderán participar neste obradoiro tanto o alumnado da Escola Bernardo del Río, como persoas alleas á mesma, sexa cal sexa a súa especialidade instrumental e co único requisito de contar co nivel mínimo de 3º curso de linguaxe musical. O Obradoiro realizarase todos os xoves de 20:30 a 21:30 na aula nº11 da escola.
Orquestra de Guitarras: O departamento de Guitarra da Escola de Música Municipal pon en funcionamento unha Orquestra de Guitarras baixo a dirección do mestre José Juan Piñeiro. Con este obradoiro preténdese potenciar un concepto de formación instrumental en pleno auxe, e que está dando moi bo resultado noutras provincias tales como Barcelona ou Xixón. A guitarra é un dos instrumentos máis representativos para o acompañamento da música vocal e instrumental, popular ou folclórica, e un dos que máis se presta á súa aprendizaxe autodidacta, creando na maioría dos casos deficiencias e limitacións técnicas ás veces difíciles de superar. Con tal motivo, a Escola pretende completar esa formación con interese de mellorar tanto na técnica coma no coñecemento dun repertorio maior.
Este obradoiro tamén é unha opción para os guitarristas que rematan o nivel elemental e non desexan continuar os seus estudos profesionais, dándolle dende esta formación a opción a continuar coa actividade musical dunha maneira amena e enriquecedora. Poderán anotarse alumnos da escola, e non pertencentes á escola que estean cursado estudos profesionais; alumnos que realizaron estudos pero que non desexan seguir coa formación individual, pero si teñen interese en continuar tendo un contacto con instrumento; xente autodidacta con certo nivel de linguaxe musical e instrumento que queiran formar parte deste proxecto. As clases realizarase todos os mércores de 19:30 a 20:30 na aula de Guitarra nº 12.